viernes, 25 de noviembre de 2011

Recordando a " As Bolboretas". Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller

Todos os anos, o día 25 de novembro, celébrase o Día internacional contra a violencia de xénero, máis por que ese día e non outro?

Ten a súa razón e é a seguinte:

Escolleuse ese día en honor ás irmás Mirabal, Patria, Minerva e Mª Teresa, que morreron asasinadas por loitar contra as inxusticias e a liberdade no seu país.


As irmás Mirabal:  Minerva, Patria e Mª Teresa.


Todo comeza na República Dominicana, un país situado no Mar Caribe, onde durante 30 anos o ditador Leónidas Trujillo ( que chega á presidencia a través dunhas eleccións fraudulentas), levou a cabo o seu reinado do terror, utilizando ao exército para, por medio da violencia, a tortura e o asasinato, atemorizar e impoñer o seu dominio sobre a poboación. 


Mapa da República Dominicana


Enriqueceuse quitando os bens dos seus enemigos políticos ( a familia Mirabal foi unha das que quedou sen fortuna) , esixía favores sexuais ás mulleres a cambio de deixar en paz as súas familias e declaraba aos seus maridos ou pais enemigos públicos, se éstas negábanse as súas pretensións.


O ditador Leónidas Trujillo


Xóvenes estudantes,artistas e intelectuais enfrontados ao ditador fundaron o Movemento 14 de xuño para loitar por ter un país libre e xusto. Unha vez descuberto este movemento, os cárceres enchéronse de centenares de presos pertencentes a todas as clases sociais, moitos dos cales foron asasinados ao igual que as irmás que militaron neste movemento.

 Por este motivo, foron perseguidas, detidas, encarceladas e torturadas varias veces e finalmente, como vos digo, brutalmente asasinadas o 25 de novembro de 1960.

Aproveitando que os seus maridos foran trasladados dun cárcere a outro, máis próximo, no camiño de regreso despóis de velos, o seu Jeep foi interceptado por esbirros do ditador e levadas, xunto co chófer, a unha paraxe onde foron asasinadas a golpes e posteriormente lanzadas, dentro do seu coche, por un precipicio para que parecese un accidente.




As Mirabal foron chamadas " As Bolboretas" por que ese era o nome secreto que utilizaban para levar a cabo a súas actividades clandestinas.




A conmoción da súa morte foi tan fonda que un ano despóis o pobo rebelouse e Trujillo foi asasinado terminando así cunha das ditaduras máis sanguentas da zona.

Actualmente, o lugar da tumba das irmás foi convertido nun museo no seu honor. Preto del vive a irmá sobrevivinte, Dedé.


Dedé Mirabal


En 1999 a Asamblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, en conmemoración da morte das "bolboretas".

Libros, como o escrito por Julia Álvarez titulado " No tempo das Mariposas", están baseados na vida das Mirabal. Este que vos cito foi levado ao cine e interpretado, entre outros actores, por Salma Hayek.

Outro libro interesante específico sobre a ditadura de Leónidas Trujillo é " A festa do chivo" de Mario Vargas Llosa que tamén foi levado á pantalla sendo Isabella Rosellini a protagonista, e por último, acabo de atopar outra película, realizada polo director dominicano, Juan Delancer que, en 2010, leva a pantalla outro filme baseado na vida das Mirabal e que se titula " Trópico de Sangue".

No hay comentarios:

Publicar un comentario