viernes, 7 de mayo de 2021

A Muller Española a Finais do S. XIX e Principios do S. XX

 

En si mesma, a muller non é como o home, un ser completo; é só un instrumento da reprodución, a destinada a perpetuar a especie; mentres que o home é o encargado de facela progresar, o xerador da intelixencia (...), creador do mundo social . 

La Vanguardia, 26- 2- 1889 ( castelán) 

Para as mulleres españolas non hai, en xeral , máis carreira que a do matrimonio. O pai que ten un fillo varón pode a priori calcular o que será o seu descendente (...), pero se ten fillas, non sabe que serán estas ata o día en que se lles impoña santo xugo. Tampouco o saben elas...serán o que sexa o seu marido. 

Isto fai do porvir da muller unha lotería. Cada unha delas leva sobre a súa linda cabeciña o cántaro da leiteira e a que máis e a que menos soña cun príncipe xentil, fermoso e rico, que o día menos pensado vai vir de aló, de rexións marabillosas, a pedir a branca man da soñada doncela. O príncipe non vén, e a moza casadeira apanda co mortal bastante heroico que se decide a ingresar no gremio dos casados (...). Cantas rapazas bonitas fantasiaron casar cun cabaleiro da Mesa Redonda e tiveron que contentarse cun vulgar dependente de ultramarinos! 

As nenas casadeiras, Eco de Santiago, 14-2-1900( castelán) 


Art. 59. O marido é o administrador dos bens da sociedade conxugal (...) 
Art. 60. O marido é o representante da muller. Esta non pode, sen a súa licenza, comparecer en xuízo por si ou por medio de Procurador(...) 
Art. 61. Tampouco pode a muller, sen licenza ou poder do seu marido, adquirir ( ...) nin allear os seus bens.
Art. 62. As compras de xoias, mobles e obxectos preciosos, feitas sen licenza do marido, só se validarán cando este consinta á súa muller o uso e goce de tales obxectos . 

Código Civil. 1889 ( castelán) 

E deixando os costumes pasamos ás leis. Que é o que ven os nosos ollos? Ah!Un espectáculo ben triste(...) As leis civís consideran a muller como menor se está casada, e aínda que non estea, négalle moitos dos dereitos condedidos ao home. 

Se a lei civil mira a muller como un ser inferior ao home, moral e intelectualmente considerada, por que a lei criminal lle impón iguais penas cando delinque? Por que para o dereito é mirada como inferior ao home , e ante o delito se lle considera igual a el? (...)´E mostruosa a contradición que resulta entre a lei civil e a lei criminal; unha dinos:" É un ser imperfecto; non se che poden conceder dereitos". A outra: "Considérote igual ao home e impóñote os mesmos deberes; se faltas a eles, incorrerás en idéntica pena" 

Concepción Arenal ( 1820-1893) A muller do Porvir. 1861 ( Castelán) 

Fonte da imaxe  

Así como o home, ademais do seu entendemento, posúe aptitudes físicas que elle permiten afrontar a loita dos comicios, pola contra a muller, que ten con frecuencia gran sagacidade, está menos dotada da capacidade de xeneralizar e non se fixa moito en cuestións públicas ( ...) ; ademais, a súa saúde, relativamente feble, a súa santa función de nai, o seu pudor, impide que asista a reunións electorais, a asembleas ruidosas e a loitas ardentes. Non foi o lexislador quen dispuxo este modo de ser da muller; foi a natureza ( ...) Por máis que se diga, o exercicio dos dereitos políticos privaría ás mulleres do tempo necesario para atender aos deberes propios do seu sexo (...) . Desde o instante en que a igualdade de dereitos políticos exista na familia, fácil será que desapareza a harmonía entre o marido e a muller. 

R. Fernández Villaverde. Consideracións historico-críticas sobre o sufraxio universal como órgano de representación política nas sociedades modernas . 1889 ( castelán) 

Se entre un home científico, un filósofo e un analfabeto non existe diferenza ningunha e os seus votos pesan igualmente nos destinos do país, cabe preguntar : por que se exclúe a muller? 

El Correo de Galicia , 28-11-1911 ( castelán) 

Iso de que a muller, por exemplo unha viúva ou unha solteira, que paga contribución, unha nai de familia, titora dos seus fillos, persoas todas de capacidade, non teñan voto, non poidan intervir e , en cambio, o teña calquer pailán, que nin sequera sabe poñer a súa sinatura, só porque é home , é un absurdo, un contrasentido . 

El Correo de Galicia , 10-2-1917 ( castelán) 

Comentario dos textos 

Este sete documentos de carácter primario reflicten  a situación da muller na sociedade española na segunda metade do século XIX e os primeiros anos do XX.

A muller vivía completamente subordinada ao home, ( documento 1), fragmento de La Vanguardia: “a muller [...] é só un instrumento da reprodución [...] mentres que o home é [...] o xerador de intelixencia”. O xornal Eco de Santiago (texto 2) non queda atrás e afirma que “para as mulleres españolas non hai [...] máis carreira que a do matrimonio” (l.1) e que elas serán unicamente o que sexa o seu marido, facendo do seu porvir “unha lotería” (l.4) Tamén se fai referencia ao príncipe “xentil, fermoso e rico” co que toda moza soña e fantasea. Se ben esas ideas da reprodución e o matrimonio como únicos propósitos da muller nos resultan hoxe sorprendentes polo alto grao de misoxinia que denotan, degradando á muller ao nivel dun obxecto co que procrear e satisfacerse, a imaxe do príncipe que ocupa as fantasías de toda moza todavía segue moi vixente na actualidade, e principalmente no público feminino máis vulnerable a estes estereotipos: o infantil.

 Porén, non todo no século XIX era misoxinia e machismo; tamén había mulleres valentes que desafiaban o establecido e comezaban a cuestionarse o por que desas leis que as menospreciaban. En 1861, case trinta anos antes dese texto anteriormente mencionado de La Vanguardia, Concepción Arenal (texto 4) preguntábase xa por que, se a muller é ante a lei inferior ao home, as mulleres son xulgadas do mesmo xeito que os varóns. A pensadora tacha esta contradición entre a lei civil e a lei criminal de “mostruosa”, e non é para menos. Tristemente, Arenal tivo que ver 28 anos máis tarde como os seus esforzos pola igualdade quedaban en nada coa instauración do Código Civil de 1889 (texto 3) durante a rexencia de María Cristina de Habsburgo, xa na Restauración. O documento recolle sentenzas como que o marido é “o administrador dos bens da sociedade conxugal” (Art. 59) e “o representante da muller”, establecendo que esta non poida comparecer en xuízo sen a súa licencia (Art.60); que a muller non pode adquirir nin allear bens sen a licenza do seu cónxuxe (Art. 61); ou que a muller non pode mercar xoias, mobles ou outros obxectos preciosos sen o consentimento do seu marido (Art.62). Todas medidas que hoxe nos resultan imposibles na sociedade occidental, pero que noutros países todavía seguen á orde do día.

 Así chegamos ao quinto texto, asinado por Fernández Villaverde no mesmo ano que o Código Civil. Desta vez entra en xogo o aspecto físico á hora de diferenzar ambos sexos Segundo o autor, as mulleres posúen un físico inferior aos homes e unha saúde máis feble; ademais, non poden participar en política xa que esta lles quitaría tempo para “atender aos deberes propios do seu sexo” (l.6), reiterando o exposto por La Vanguardia no primeiro texto: a muller debe limitarse a ser o instrumento da reprodución, e non é un ser completo como o home.

Afortunadamente, os últimos dous fragmentos, asinados por El Correo de Galicia en 1911 e 1917 son testemuña dun claro progreso na consecución dos dereitos femininos, concretamente, no dereito ao voto. O primeiro lanza unha pregunta retórica cargada de contundencia: se os analfabetos teñen o dereito a votar na mesma medida que filósofos ou científicos, por que as mulleres non poden gozar del? O segundo vén a dicir o mesmo, mais cun matiz que lembra ao exposto por Arenal medio século antes: as mulleres teñen obrigas, como pagar a contribución (l.1), pero non gozan dun dereito básico do que ata o home máis inculto dispón.

 En conclusión, a sorpresa coa que recibimos hoxe estes documentos é unha clara mostra de que, afortunadamente, este pensamento está moi pouco ou nada presente na nosa sociedade. Se isto é así é grazas a mulleres como a propia Arenal, que se atreveron a loitar contra os convencionalismos e deron a cara para conseguir unha igualdade case utópica no seu momento. Porén, como vemos aínda quedan moitos estereotipos por derrogar, e moitas zonas do mundo que desgraciadamente,  aínda non tiveron apenas contacto cun feminismo moi necesario.

Comentario :  Mario Elías Blanco Boullosa,  2º Bacharelato.  Ies Torrente Ballester, Pontevedra

No hay comentarios:

Publicar un comentario