domingo, 24 de marzo de 2013

Antonia Gutiérrez Bueno, Unha Absoluta Descoñecida




Lendo o xornal fai algúns días atopei unha noticia que paso a resumir e que me deixou máis que turulata neste eido do mundo das mulleres e as súas ( nosas) discriminacións seculares.

A noticia falaba como a decisión de Rosa Parks (enlace) fixera estourar a situación da segregación racial en Estados Unidos e como a decisión doutra muller, neste caso española e no século XIX, fixo que cunha carta, unha única carta, conseguira da Biblioteca Nacional ( BNE)  que as mulleres puidesen entrar nas súas salas para consultar libros ou investigar, cousa que se lle estaba negado ata ese momento. A muller en cuestión e que, desafortunadamente, ninguén , ou poucos, coñecen chamábase Antonia Gutierrez Bueno, e o seu pai, importante home de ciencia, foi o Boticario Maior do Rei. Por esta razón ela puido ter acceso a tratados científicos, diccionarios e libros de todo tipo.


 Ela tiña varias obras impresas, unha das cales era un diccionario histórico e biográfico sobre distintas mulleres, e outras, traducidas do francés, sobre cuestións médicas. Sobra decir que todas elas estaban firmadas con seudónimo, cun nome de home por suposto: Eugenio Brunet y Ortazán.



Na carta da que falamos pediu á biblioteca que lle deixasen entrar nas salas para investigar e terminar a súa obra. A cousa foi que unha vez pedido o permiso, en 1837, ao Ministro da Gobernación ( que sería como si o pedise ao de Interior hoxe), a raiña rexente María Cristina, nai da futura Isabel II, ordeou que así fora: que lle deixaran entrar para poder consultar todo tipo de documentación. 


Hai que destacar a molestia que sentiu o director da biblioteca ao pensar en todas as modificacións que, según el, terían que facerse na mesma, como colocar máis escribanías, ou máis braseiros...Finalmente, pediu claramente que lle aumentasen o presuposto que se lle daba para poder facer fronte aos gastos que se xerarían dada a demanda de entrada das mulleres no templo do saber.



En 1837 pois, e grazas a esta intelectual, franqueóuselle a entrada as mulleres na biblioteca pero, eso sí, en salas separadas dos homes. Foi un paso importantísimo como podedes supor.

A nosa protagonista, sen embargo, xa non publicaría máis e habería que esperar ata 1990, sí, 1990, para que a biblioteca fose dirixida por outra muller: Alicia Girón.




Déixovos o link do artigo en cuestión por si queredes consultalo: Aquí

viernes, 8 de marzo de 2013

O Anxo do Gueto de Varsovia: Irene Sendler


Hoxe conmemórase o Día Internacional da Muller que recoñece toda a loita que durante séculos, fixeron mulleres que loitaron soas por conseguir un lugar propio na sociedade rompendo co aquelo que lles era imposto polo seu sexo. O lema escollido para este ano é: "Unha promesa é unha promesa: momento de pasar á acción para acabar coa violencia contra as mulleres". Sen embargo, eu non vou a falar da violencia, que a hai, e moita hacia nós. Eu quero falar doutra cousa.


 O 1 de setembro de 1939 Hitler invadía Polonia e con esa acción facía estourar a II Guerra Mundial. Se o cito é porque ten moito que ver co que vós vou a contar e xa o veredes se seguides lendo.



O equipo de orientación e dinamización do IES Antonio Fraguas Fraguas de Santiago de Compostela ven de poñer en acción estes días unha enquisa entre todos os alumnos do instituto que trataba de escoller o nome dunha muller cuxo labor fora importante no eido da consecución de liberdades e dereitos para as mulleres, para dar o seu nome a un espacio do Instituto. 


Unha das propostas era Clara Campoamor que tivo, no contexto da II República española ( 1931-36), un enfrontamento dialéctico con Victoria Kent ( ambas deputadas) sobre si a muller podía ou estaba preparada para votar. A muller non estaba preparada para iso según Kent, xa que votaría, non libremente, senón o que lle dixera o seu home ou o cura. Finalmente gañou a proposta de Campoamor e a muller española puido votar por primeira vez, en pe de igualdade co home.





Ademáis a Clara Campoamor se lle deben a escritura de multitude de libros, un dos cales fai referencia a outra muller grande, aínda que cuxa traxectoria tivo lugar noutro lugar e noutro tempo máis lonxano: Sor Juana Inés de la Cruz, unha muller maravillosa que renunciou á súa liberdade ingresando nun convento para poder leer, estudiar e escribir que era o que verdadeiramente quería algo que lle estaba vedado, a ela e a todas, xa que o seu destino era casar e ter fillos e nada máis. Falamos do século XVII. 



A outra proposta era Clara Zetkin, política comunista alemana que, na primeira década do século XX, loitou tamén para que as mulleres acadasen o sufraxio. Grazas a ela proclamouse o 8 de marzo, tal día coma hoxe, como o día Internacional da Muller Traballadora.



A última proposta, aínda que se deixaba aberta aos alumnos suxerir unha algunha outra muller que tivera feito algo especial polo colectivo, é a que creo que gaña por goleada. Estou escribindo esto sen saber si é así pero nas miñas clases foi claro.

Foi Irene Sendler, a chamada " O anxo do gueto de Varsovia". Por iso comecei esta entrada falando do comezo da II Guerra Mundial. Sendler era enfermeira. Era católica e foi unha resistente frente aos nazis.



Ela soa foi quen de salvar como puido e arriscando a súa vida a 2.500 rapaces e rapazas xudeus dun futuro seguro: terminar nos campos de concentración, fundamentalmente, en Treblinka.



Fíxoo de mil formas: meteunos en caixas de ferramentas, en sacos de patacas, en ataúdes...calqueira maneira era boa para poder salvalos. As novas identidades dos rapaces eran escritos e colocados en botes que serían enterrados baixo unha árbore do xardín da súa casa.



Levaba colocada no seu brazo a estrela amarela que identificaba aos xudeos para pasar inadvertida no gueto.  



Morreu fai moi pouco, no 2008 xa moi anciá, con 98 anos. O Estado de Israel deulle o recoñecemento de "Xusta entre as Nacións", recibido por todos aqueles, que non sendo xudeos ( xentiles), axudaronlles a sobrevivir dun réxime demencial do que coñecedes moitas cousas, desgraciadamente, arriscando a súa propia vida. E digo, desgraciadamente, porque ogallá nunca as páxinas da Historia relatasen algo como o que ocorreu.



Sendler foi descuberta polos nazis, torturada ( nunca falou) e condeada a morte pero os resistentes polacos rescatárona do patíbulo. A súa historia foi dada a coñecer máis tarde por estudiantes americanos. Quísoselle conceder o Premio Nobel da Paz en 2007 pero non o recibiu.

Non importa. O que importa é que se coñeza e recoñeza,  por vós, por exemplo, o seu labor e a súa coraxe.


Irene Sendler pouco antes de morrer


domingo, 10 de febrero de 2013

Rosa Parks e a Loita polos Dereitos Civís en Estados Unidos



Nos anos 50', e aínda antes, os homes e mulleres que eran negros non tiñan os mesmos dereitos que os que eran brancos en Estados Unidos. Nos baños públicos podíase ler "Negros Non", así como en escolas, en restaurantes, en bares.....

Sala de espera para brancos únicamente ( for white only) , anos 50


Sala de espera para negros únicamente (colored)  
na estación de autobuses en Durham nos anos 40


Baño para rapazas brancas únicamente, Carolina do Norte, anos 40 
(White Ladies Only)

Tampouco podían beber das mesmas fontes, de maneira que nesta foto que tedes debaixo podedes ver, unha para xente branca e outra na que un home afroamericano calma a súa sede.


Incluso nas máquinas que vendían Coca- Cola colocaban o carteliño de " para brancos únicamente". 


Tamén nos autobuses ocurría. Na parte de adiante sentábanse os brancos, na parte de atrás os afroamericanos. 


Tranvía en Alabama, 1930 

A todo isto, a esta separación, a esta humillación, a esta inxusticia chámaselle "segregación racial".

Pero un día de 1955 e grazas a nosa protagonista, Rosa Parks, algo cambiou:  Rosa Parks colleu o autobús coma sempre despóis dun duro día de traballo. Era costureira. Pero vendo que había unha praza libre na zona reservada aos brancos alí se sentou. Ao darse conta, o conductor parou o autobus e obligouna a deixar libre o asento. Ela negouse e foi detida. Esa noite dormiu nun calabozo da policía e tivo que pagar unha multa de catorce dólares por desobecer as leis raciais, moito diñeiro naquel tempo. 

Foto policial de Rosa Parks á esquerda e sentada nun autobus xunto a un 
xornalista que lle fixo unha entrevista días despóis de sair das dependencias policiais

Pero o detonante xa explotara. Un pouco coñecido, todavía, xoven chamado Martin Luther King organizou unha oleada de protestas por todo Estados Unidos contra a segregación e miles de afroamericanos, uns trinta mil durante case un ano, non colleron o autobus para ir a traballar. Esta presión fixo que ao ano seguinte o goberno abolise todo tipo de discriminación.


Martin Luther King, asasinado en 1968

En canto a Rosa Parks finou en 2005 aos noventa e dous anos de idade pero continuou loitando durante toda a súa vida polos dereitos civís dos afroamericanos recibindo a medalla de ouro do Congreso dos EEUU.  Esta entrada no blogue quere ser o recordatorio dos 100 anos do seu nacemento que tivo lugar o día 4 deste mes.



Afortunadamente puido ver como Barack Obama pasaba á Historia por ser o primeiro home afroamericano en chegar a ser Presidente dos Estados Unidos, algo impensable pouco tempo antes. Pero tede claro que aínda hai moito por facer para desterrar das mentes das xentes que por razón de raza somos distintos.



Todas as imaxes foron extraídas de Aquí, Aquí  e Aquí onde tedes un artículo interesante sobre que é o Ku Kux Klan
-